Certamente, na tradición do galeguismo, de Castelao ou Ramón Piñeiro, creo que España é un estado plurinacional que debería avanzar a un máis franco federalismo de tipo, para non evitar a palabra incómoda, asimétrico. Pero os filósofos que me interesan son Isaiah Berlin, Richard Rorty ou Gianni Vattimo. Aínda que non forme nas filas dos libertarios conservadores, tipo Nozick, o que me atrae é o liberalismo do inglés e o espírito post-metafísico dos dous filósofos formados na hermenéutica. Quero dicir que non creo na nación en-si-e-para-si nin en ningún outro suxeito de tenor hegeliano, salvo, precisamente, se acaso, como ficción compartida.
Por outro lado, entendo que as identidades -as políticas, as lingüísticas e as de andar por casa- han de ser lábiles. Un dos meus heroes literarios é o escritor, nacido na Galitizia polaca, cando pertencía ao imperio Austro-Húngaro, Joseph Roth, coñecido sobre todo por “A marcha Radetzky” e “A lenda do santo bebedor”. Cando morreu, presa dun delirium tremens nun hospital de París, ninguén sabía exactamente quen tiña que conducir as honras fúnebres. No enterro compareceron un rabino, dado que era xudeu, un sacerdote católico acompañado dos partidarios da vella monarquía austríaca, dada a súa nostalxia dela, tan elocuente nas súas obras, e elementos do socialismo alemán, dos que formara parte. Non necesitamos ser un, nin ser suxeito.

Subscríbete por e-mail!