“Os días ocultos” ( Ed. Xerais, 2009 ) é o título dunha pequena novela de Daniel Ameixeiro. Lese con moito agrado e de corrido -eu fíxeno no tren Santiago-Vigo- e constitúe unha pequena e magnífica lección de historia de Galicia.
Quen o lea terá nese texto unha especie de retrato dun período e dunhas xentes que talvez se equivocaron, ou non fixeron o que se supoñía que tiñan que facer -eu cóntome entre os que supoñen iso- pero que estiveron aí cando poucos tiñan o valor e a coraxe de facelo.
Os días ocultos intentan retratar a atmosfera de posguerra no ambiente do galeguismo do momento. É unha novela escrita con moita simpatía e cariño por Ramón Piñeiro e Victor Campio, os dous protagonistas. So iso fai do libro unha circunstancia rara porque, como todo o mundo sabe, Piñeiro en particular esta fora do Panteón e non se merece comprensión algunha. Só ira e reprobación.
Ira e reprobación que, na maior parte dos casos, provén de xente sentada no seu sofá e que non ten nin idea xa non de en qué podía consistir a represión franquista senón outra cousa menor, pero talvez moralmente máis importante: o baleiro en torno a sí dos que intentaban facer algo.
Agora podemos saber exactamente o período que pasou Piñeiro no cárcere http://www.xornal.com/artigo/2009/11/20/cultura/liberdade-condicional-ramon-pineiro/2009112000161666570.html o que non podemos saber e canta xente lle dixo “non”, o reducido dos vimbios cos que intentou facer primeiro un cesto. Non hai que enganarse, nese período o medo era grande, e as persoas que estaban dispostas a xogarse o tipo ou a profesión eran máis que escasas.
A Xaime Illa Couto oínlle dicir un día de alguén que facía fachenda do seu nacionalismo, unha vez morto Franco, lonxe os perigos “! Quen o soubera ¡”.
Como todos sabemos, e meu pai repetía, “O falar non ten cancelas”.

Subscríbete por e-mail!




Moi bo livro e dende logo grande lembranza. Canto lambón há,Hoxe nos vería bem outro don Ramón Piñeiro
Moitas grazas, Antón, por esta referencia ao libro. Sen dúbida pódense facer moitas análises sobre por qué un escribe e sobre a orixe (o motor) das historias. Cando me documentei sobre a viaxe polo deserto dos galeguistas durante a posguerra e cando descubrín todo o que conseguiron (auténticos milagres, tendo en conta que eran moi pouquiños e que as circunstancias eran tremendamente adversas), nese momento souben que tiña que intentar contar esta historia. Contala por agradecemento cara a toda esa xente, e tamén porque considero que coñecer todo o que fixeron en circunstancias tan adversas, saber da súa valentía, xenerosidade e compromiso con Galicia, saber do seu esforzo de auténticos heroes (heroes humanos, que son os únicos que existen) penso que é fundamental para dar ilusión e esperanza, algo que hoxe en día precisamos máis ca nunca.
[...] Texto publicado no blog «O café na trincheira» de Antón Baamonde. Etiquetas: antón_baamonde, daniel_ameixeiro, novela, o_café_na_trincheira, ramón_piñeiro_os_días_ocultos Comentarios (0) [...]