Podo constatar -non necesito máis que sacar o tema coa xente á que trato- que Galicia Bilingüe, polo de agora, gañou a batalla dos encadres. A idea da libertade de opción sona -como non podía ser doutra maneira- ben. A idea da imposición asentouse non só entre o que poderiamos entender que é o seu público natural.
Entrar a defender o decreto sen liberalo do fantasma da pretendida imposición condúcelle a ún a prolixos argumentos sobre as leis que sonan moi abstractos e que teñen pouco que facer coa transparencia e a simplicidade dese principio. Por suposto, o pano de fondo é que vivimos nunha sociedade que, como hai que recoñecer, é, nalguns estratos, case monolingüe en castelán e que xa abandonou calquera complexo de culpa en relación ao que foi, unha ou dúas xeracións atrás, o idioma dos seus pais e abós.
Sendo isto así, creo que establecer un novo consenso sobre o galego podería incluír elementos como: a) facer explícito que a sociedade galega é bilingüe e que vai a seguir séndoo e que ninguén pretende exercer coacción algunha nese terreo, máis aló do que determinen as leis que son sempre expresión das maiorías parlamentarias e por tanto, das decisións que unha sociedade toma sobre as súas normas de convivencia.Facer entender, por tanto, que o decreto é conforme á legalidade constitucional, como o dictaminou o TC e á súa lóxica de defensa dos dereitos dos usuarios dos dous idiomas, no só dos castelán, que é o que pretenden os promotores do “Manifiesto en defensa de la lengua común”. O supremacismo do castelán é o que debe ser centro do debate.
b) Facer notar que “Galicia Bilingüe” máis ben aposta pola castelanización que polo bilingüismo. Nesa organización tal vez conflúen os elementos que buscan a mobilización política promovida pola dereita extrema madrileña -os profetas do “España se rompe”- co malestar deses pais monolingües en castelán que simplemente entenden que os seus fillos teñen que facer un esforzo adicional do que preferirían liberarse. A diferenciación é prudente, porque o primeiro nos leva a unha discusión política sobre qué entendemos por España -convén facer pedagoxía: facer entender que España é un estado case federal de gran pluralidade nacional interna- e o segundo nos leva a argumentos de orde pedagóxica, que representan unha orde de discusión totalmente diferente.
c) sacar o idioma galego do nicho nacionalista: facer do decreto -que hai que lembrar que é semellante ao aprobado polo PP en Mallorca- un punto de confluencia dos demócratas. A defensa do galego debe de entenderse como a opción de “galeguismo consciente”, para repetir a Núñez Feijóo, dunha sociedade que sabe que o seu idioma está en condicións de inferioridade, que corre riscos enormes e que quere que ese idioma non só non desapareza senón que quere convertelo nun signo de unidade e de modernidade que debe estar máis aló das polémicas desenvoltas pola caverna e polos que dividen interesadamente dende certos medios de comunicación.
d) a defensa dese decreto debería, por tanto, ser levada a cabo non pola MNLG senón polos tres sindicatos maioritarios, os dous partidos que o aprobaron, os pais da escola pública e os da privada que se apunten, as asociacións de profesionais, empresarios e etc. que simpaticen con esa causa e, en fin, unha fronte o máis ampla e integradora que fose posible.
Son só notas, case unha reflexión privada que poño sobre a mesa por se fora útil. Meter a cabeza no furado, facer de avestruz case nunca da resultado.

Subscríbete por e-mail!




[...] Baamonde, con su proverbial perspicacia, avanza en su blog un modelo de revisión de la oferta idiomática a la sociedad gallega. Tiene un gran interés y hay [...]
Volver sobre o idioma é volver situalo nas coordenadas centrais dunha sociedade de clases. O tema do galego non podemos afastalo dunha realidade nidia: hai grupos en Galicia que non soportan que a socidade galega poida empoderarse en clave lingüística. Esta circunstancia é, ao meu modo de ver, a que explica a aparición de Galicia Bilingüe. Que as administracións galegas sexan compoñentes moi activas na xeración de emprego e que este emprego poida estar vinculado ao dominio da lingua altera o “equilibrio” na construción do prestixio das linguas, neste caso a favor dos grupos sociais que se expresan en galego. E isto, algúns non o soportan.
Acabo de deixar no blog de Fermín Bouza este post (http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=2748#comments), que coincide co eixe temático tamén proposto desde aquí:
“Efectivamente, esa é unha liña argumental sólida: a) nós somos bilingües, queremos unha Galicia bilingüe, e ademais podemos tentar desenvolver un discurso cara ao plurilingüismo (educativo, claro, pero tamén social); b) a revitalización lingüística do galego no marco dunha sociedade bilingüe/plurilingüe é un obxectivo de cohesión social, que evite segregacións perversas; ese obxectivo hai que compartilo cos sectores castelán falantes urbanos, baixo a premisa de que as linguas (galego e castelán) suman, non restan; c) cómpre potenciar a dinamización lingüística, activando aos sectores máis creativos, dinámicos e urbanos na potenciación da lingua galega nas actividades sociais e culturais. Estes poden ser algúns dos camiños argumentais para lle propoñer á sociedade galega.”
Ola
Concordo co que dis, como en todo habería que matizar.
Agora ben quen defende o galego son os nacionalistas, os demais fan o posible porque desapareza, so lles é útil para cando teñen que vivir del, daquela dálles un arrouto de galeguismo.
Os políticos, e os sindicatos, os movementos responden ao momento, agora hai un momento furibundo contra a diferencia do radicalismo español, algo no que fai complicidade a esquerda española, calando, non asumindo o federalismo, nin as diferencias, tentando diluír con iso das civilizacións e o trilinguismo.
Fago so unha reflexión se o galego fose o inglés, os lambecús da progresia o defenderían a morte.
O que temos que facer e piña con quen defende, non espero defensa de la UGT que non se quere chamar UXT, nin de CCOO que boicotearon as galescolas, Non agardo nada da progresia.
En canto aos educadores, as nais e pais, e a cidadanía en xeral todos eles, contigo querido amigo, sodes a miña esperanza.
Nada máis un saúdo.
<>
http://galiciapolitica.blogspot.com/
Hai outra idea que soa moi ben: a de igualdade. Como é posible que a estas alturas non haxa igualdade legal entre o galego e o castelán? Iso é inadmisible. A xente teno que saber. Non queremos esmolas. Queremos igualdade de trato, legal e na práctica diaria. Hai unha débeda histórica co galego. Hai que reclamala con firmeza. Temos dereito.
Ah! Naturalmente que os funcionarios están ao servizo dos cidadáns, por iso TEÑEN que saber galego, para poder atender ao público galego. En todas as ramas da administración: educación, sanidade, xustiza….. Hai que reciclarse, como para todo.
Ola! Hai elementos interesantes, que se poden aproveitar, nesta proposta. Mais non cadro conforme en todo. Non é preciso que llo detalle aquí; no meu blog pode ver como penso e os alicerces dese pensamento. Só quixese agora facer estes pequenos apuntamentos:
1º) Que unha idea se impoña e se converta nunha opinión común non significa que se deba dar por boa. Non esqueza que as evidencias sociais máis compartidas só indican cal é a ideoloxía dominante. E non é agora o caso de que nos deixemos levar polas ideoloxías, e moito menos pola dominante. Equivalería a reforzar a irracionalidade. Non estamos a prol da racionalidade crítica? E doutros valores, por certo: a irmandade universal, a preferenza polos menos afortunados nas sociedades humanas…
2ª) Xa sei, e vostede exprésao con xusteza, que moitas persoas do noso pobo baixo, ao que subiron un pouco a causa do fortes cambios de mobilidade social producidos nas últimas décadas, medio abandonaron a nosa lingua galega cando non renegaron dela ata onde lles foi posíbel. Moitas séguena empregando para as funcións máis baixas porque foi a primeira que aprenderon e na que se senten máis cómodos para tales usos; mais cos seus fillos e/ou netos foxen dela coma o demo da cruz -lembre o dito-, e xa non digamos cando se trata de falar con descoñecidos, ir a unha oficina, ao médico. A diglosia, xa sabe…
3º) Totalmente de acordo no que di referente ao fomento do plurilingüismo e demais. Porén coido que aínda non é hora de renunciarmos á recuperación da hexemonía do emprego do galego en Galicia, en todos os ámbitos. Se se camiñou nestes últimos decenios en sentido inverso, o que cómpre é buscar a maneira de inverter agora o sentido da marcha. Que é difícil non fai falta que mo diga. O que cómpre é comezar a darlle voltas ao pequeno moneco por riba da neve, xogando e sen acritude, e ter paciencia mentres que a neve se vai adherindo. Ë cousa de saber achar, con xeito, estratexias e tácticas adecuadas. Estou seguro que o podemos conseguir. Non sei ben por que, a súa proposta concede demasiado á parte contraria, tan podente e, de por parte, tan belixerante.
E logo habería que falar aínda moito. Non lle teño hoxe vagar. Vaia un saúdo!