O PSOE aproba unha iniciativa inxustificada tanto polo fondo como pola forma http://www.elpais.com/articulo/economia/Gobierno/destierra/cotizacion/carta/reclaman/sindicatos/elpepueco/20100129elpepueco_5/Tes
Polo fondo, porque se o déficit é tan enorme e non se poden cadrar as contas públicas entón a política do goberno non foi errática -dende o cheque-bebé ao plan E- foi directamente un despropósito. Habería que ter preparado o terreo, introducindo elementos para un debate colectivo.
Pola forma, porque non se poden sacar estas cousas a golpe de telexornal. Hai que ter falado coa oposición, cos sindicatos, convocar o Pacto de Toledo, etc.
Da a impresión que todo se remite a evitar que cunda unha imaxe de España como o “enfermo de Europa” e a próxima catástrofe para o continente -iso foi dito en Davos-. Pero a radicalidade das medidas, e a forma dramática en que se presentan, inducen a pensar que o goberno ocultou e oculta as cifras reais, dende a contaminación dos activos bancarios polas inmobiliarias ás perspectivas do mercado de traballo.
Preténdese dar confianza fora de España ( o que significa que ata o momento ignoramos canto de grandes eran os perigos que terá que afrontar a economía española no futuro inmediato ) e, ao mesmo tempo, centrarse políticamente no interior, na crenza de que chantar esa bandeira da austeridade significa estreitar o territorio do PP.
Con estas perspectivas e salvo que suceda un milagre o PP ten practicamente gañadas as eleccións futuras. Por iso o problema non é que perda Zapatero senón que se abra un ciclo longo de control do poder pola dereita -hai síntomas de que iso poda suceder-.
Ao tempo, en Galicia anúnciase o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Gobierno/da/primer/paso/recurrir/ley/gallega/cajas/elpepuespgal/20100129elpgal_3/Tes
O feito de que se pretenda facelo mediante o procedemento de trámite de urxencia indica que será presentado -despexando así as dúbidas sobre a cuestión.
É un erro gravísimo que pode implicar a desaparición das dúas caixas, co que iso supón de golpe para a deteriorada economía galega, e que pode levar ao PSdeG a onde xa o levou no pasado Abel Caballero.
O PSOE e o PSdeG están tensando as cordas. Deberían reflexionar sobre o derrumbe dos partidos socialistas europeos e a hexemonía conservadora no continente.
Co pulso exangüe en Madrid e Valencia, cunha Andalucía na que por primeira vez pode ser derrotado polo PP e con Cataluña na corda froxa do Estatut, a cuestión das caixas pode levar á derrota a un PSdeG que será percibido como sucursalista “gratis total” ( pois ou hai motivos ocultos ou a venalidade da decisión é absoluta ).
¿É inimaxinable que o PSOE se derrube ?. ¿ Ou que o PSdeG se desfonde, arrastrando consigo a posibilidade da alternativa ?. Servidor non tentaría a sorte..