O café na trincheira

Just another WordPress weblog
RSSRSS Contacta Subscríbete por e-mail!

Sobre este blog

  • O autor
  • A liña editorial

Seccións

  • Cultura
  • Política
  • Uncategorized

Arquivo

  • Xuño 2010
  • Maio 2010
  • Abril 2010
  • Marzo 2010
  • Febreiro 2010
  • Xaneiro 2010
  • Decembro 2009
  • Novembro 2009
  • Outubro 2009
  • Setembro 2009
  • Agosto 2009
  • Xullo 2009
  • Xuño 2009
  • Maio 2009
  • Abril 2009
  • Marzo 2009
  • Febreiro 2009
  • Xaneiro 2009
  • Decembro 2008
  • Novembro 2008

Blogroll

  • Blogroll

    • Alicerces
    • Alter economía
    • Arume dos piñeiros
    • As túas balas
    • as uvas na solaina
    • Bretemas
    • Cabaret Voltaire
    • Cafradas Financieras
    • Calidonia
    • Croques
    • De paso
    • Dissent
    • Feijóo mente
    • Fundació Rafael Campalans
    • Infraestructuras de Galicia
    • Krugman Blog
    • landoas
    • O funanbulista coxo
    • Peter Singer
    • Peter Singer
    • Renovar o BNG
    • Si home si
    • The Nation
    • Tom Paine
    • Vicenç Navarro
    • Vigoblog
    • Xavier Carro
  • 31 Out 2009

    Tuco Cerviño sobre o galego

    O  amigo  Tuco  Cerviño  envíame  o  texto  dunha  das  súas  intervencións  no  Parlamento  de  Galicia  sobre  a  cuestión  do  idioma. Como  ten  interese  reprodúzoa:

    Intervención do deputado, Francisco Cerviño González, no debate da Interpelación sobre as previsións de respecto dos dereitos e das liberdades de uso da lingua galega en Galicia; na sesión plenaria do día 13 de outubro de 2009

     

    Señor presidente

    Señoras e señores deputados

     

    Volver empezar.

     

    Como Penélope. Mais neste caso, o manto de recuperación da lingua galega, tecido ao longo destes 28 anos de autonomía e democracia por moitos e moitas penélopes, quen o desfai non é a propia Penélope, como na Odisea, senón o Polifemo, Núñez Feijóo, como un xeneral metido no seu propio labirinto. Construído por el de maneira oportunista e irresponsable cos materiais aportados polo pensamento máis reaccionario do ultranacionalismo español a través das súas terminais políticas na Rúa Génova, das súas terminais mediáticas en Madrid, e en determinadas organizacións e  nalgúns medios galegos, que so capa da liberdade agochan un pensamento reaccionario e cheo de prexuízos, que responden ao odio ás propias orixes, de avergoñarse da procedencia labrega ou mariñeira que en dúas ou tres xeracións como máximo temos a práctica totalidade dos galegos. E isto último, señorías, só se cura no diván do psicoanalista.

     

     

    Mais non  o esquezan, non nos imos cansar, non imos desmaiar. Volveremos  tecer o manto. Para que, dende unha perspectiva de cidadanía que nace en 1789, que nace na Toma da Bastilla, o acontecemento máis importante da historia de Europa, parafreseando a Maurois, sexan respectados os dereitos dos cidadáns galegos galego-falantes.

     

    E para que esta lingua, Patrimonio de toda a humanidade, non morra. Porque está a morrer, señorías, e así o indican inequivocamente os estudos sociolingüisticos co indicador determinante: O galego perde falantes. E se nos pode dicir que é o efecto do tempo, ou dos tempos, mais non, aínda que así fose, non o admitimos, como non admitiriamos que se derrubase a Catedral de Santiago, nin sequera o teito do humilde  alboio da feira de Cuspedriños na miña terra de Cotobade, que non ten máis de dous séculos.

     

    E o galego señorías é moito máis importante como patrimonio da humanidade que o Casco Vello de Santiago, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules xuntas. Moito máis, infinitamente máis.

     

    E teño por forza, novamente, que recordar cuestións elementais.

     

    Volver facer pedagoxía. Non importa. Xa o teño citado moitas veces, a  Rafael Campaláns, o socialista catalán –e catalanista- da época da  II República: “Política quere  dicir pedagoxía”.

     

    A ver se os convencemos, señores e señoras da dereita. Se o convenzo a vostede, señor conselleiro, se somos quen entre todos de sacar ao Polifemo do seu labirinto, que é o que queremos polo ben da nosa lingua.

     

    Recorrerei a pensamentos xa expresados en sede parlamentaria, nesta Cámara ou no Congreso dos Deputados, e repetidos por min pola claridade das ideas, e a personalidade dos seus autores.

     

    Fagamos pedagoxía, e lembremos estes pensamentos básicos. E reclamo especialmente a atención dos deputados máis novos da dereita.

     

    “A lingua é a expresión da nosa identidade, da nosa propia personalidade como colectivo. Toda lingua é a expresión viva dunha cultura orixinal, e mesmo por iso, a lingua galega é a raíz e a forza impulsora da nosa propia orixinalidade cultural”.

     

    Así se expresou nesta Cámara, o 15 de xuño de 1983 o portavoz socialista, Ramón Piñeiro, no debate da Lei de normalización lingüistica.

     

    “El idioma es el vehículo del alma original de un pueblo, y sobre todo, es en si mismo una gran obra de arte que nadie puede destruír”, deixou dito Castelao no debate no Congreso dos Deputados sobre o proxecto de Constitución da II República, o 18 de setembro de 1931.

     

    Porque coa lingua da cada un os seres humanos relacionámonos, creamos comunidade, a conciencia solidaria vibra con sentimento de irmandade, como tamén dixo Piñeiro.

     

    Iso  constitúe un pobo.

     

    Isto é elemental señorías, é o abecedario, non fai falla ler a Chomsky para sabelo.

     

    Polo tanto, o pobo galego somos a lingua galega.

    Como xa teño expresado aquí, e con estas mesmas verbas, moitos amamos o castelán – ou español, tanto me ten-, que é tamén a nosa lingua, amén de enormemente útil.

     

    Pero o pobo galego é a lingua galega, porque esa é a nosa especificidade.

     

    E as políticas deste goberno, as políticas do Sr. Núñez Feijóo, constitúen obxectivamente unha agresión aos dereitos lingüisticos cidadáns dos galegos, e unha agresión a un patrimonio da humanidade.

     

    Eu non sei se o Sr. Núñez Feijóo fai esto con dolo, a propósito, porque se ten autoodio pola súa orixe social. Sinceramente, creo que non.

     

    Cre que o fai por cálculo político, o que o fai moito máis culpable.

     

    Faino por congraciarse cos poderes fácticos da reacción centralista/unitarista, porque pensa agora que nesta tormenta de millóns de euros –de amiguitos del alma de quiero un huevo-, de coches de luxo –nunca escoitara esta marca do coche de Costa, -ese da tapicería negra-, pobre de min, que paleto son; de chalés en Marbella e Ibiza; de viaxes a todo tren a costa dos contribuíntes; de bolsos de Louis Vuiton, -¿pronúncioo ben?, non sei, e de reloxos de 20.000 euros – asombroso,  nesta tormenta de merda digo, pensa que ten algunha oportunidade para erguerse ao poder madrileño.

     

    Iso é lexítimo señorías; pero señor Núñez Feijóo, non o faga a costa da nosa lingua, de Galicia como pobo, dos dereitos cidadáns dos galego falantes, e dun valioso patrimonio da humanidade.

     

    Non escoite á reacción, Sr. Núñez Feijóo. Pódese ser conservador, pódese ser de dereitas, sen ser un reaccionario; reaccionario, diccionario da Real Academia Española: “Que propende  a restablecer o abolido”.

     

    Non escoite a reacción, escoite a ese gran español que foi Manuel Azaña. Escoiten o que dicía na sesión das Cortes o 27 de maio de 1932, no debate sobre o Estatuto de Cataluña:

     

    “…, podríamos preferir que en este Estado hubiese triunfado en España una política de asimilación, de unificación; podrá ser que a alguien le parezca que esto hubiera valido más y que ahora todos los españoles hablasen el mismo idioma, con el mismo acento y tuviesen la misma creencia, los mismos amores, los mismos signos y el mismo modo de sentir la patria; podrá ser que esto a alguien le parezca mejor; a mí me hubiera parecido un empobrecimiento de la riqueza espiritual de España. …”

     

    En todo caso, señor Núñez Feijóo, señores do Goberno, nós combateremos polos dereitos cidadáns dos galegos, pola preservación do galego como patrimonio da humanidade, pola nosa identidade como pobo, e pola riqueza espiritual de España por usar as verbas de Azaña.

     

    Combateremos democraticamente con todas as nosas forza contra la España de charanga y pandereta, cerrado y  sacristía. Combateremos contra a reacción.

    12 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 30 Out 2009

    Novo clima sobre o idioma

    Un  par  de  artigos  na  prensa,  un  debido  á  inclíta  Gloria  Lago http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2009/10/30/0003_8072176.htm  e  outro  debido  a  un tal  Celso  Ferreiro http://www.laopinioncoruna.es/opinion/2009/10/30/opinion-precariedad-informativa-xunta-otrosidigo/330851.html   nos indican  que  o  sector  máis  radical  na  defensa  da  hexemonía  do  castelán  comeza  a  acusar  un  cambio  de  clima  sobre  o  idioma.

      Parece  que  se  afirma  unha  certa  identificación  entre  o  PP  e  a  liquidación  do  galego  que  rebaixa  o  peso  do  ítem  “imposición”  e  pon  a  carga  da  proba  sobre  o  goberno. Esa  transformación atmosférica desinfla  a  histeria  e  pon  o  asunto  sobre  vías  nas  que  a  defensa  do  galego  asume  unha  marxe  de  maniobra  maior.

      Parece  deducirse  tamén  das  palabras  de  Núñez  Feijóo  que  o  presidente  da  Xunta  vai  reducindo  o  ton  e  xa  entendeu  que  continuar  coa  política  de  aberta  agresividade  xera  para  el  e  o  seu  partido  un  efecto  boomerang   http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Feijoo/jugare/lengua/elpepuespgal/20091030elpgal_3/Tes

      Estamos  noutra  fase. Atentos  á  xogada e  moito  sentidiño.

    5 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 29 Out 2009

    Unha visión estratéxica das Caixas

    Claramente,  a  “Voz  de  Galicia”  está  intentando  presionar  ao  goberno  galego  para  que  decida  unha  posición  favorable  á  fusión  das  Caixas  http://www.lavozdegalicia.es/dinero/2009/10/29/0003_8069800.htm

      En  realidade,  os  signos  de  que  a  fusión  parece  inevitable  multiplícanse. É  algo  que  obedece  a  dous  motivos  básicos:  dunha  banda,  a  necesidade  de  solicitar  diñeiro  do  FROB  para  salvar  os  problemas  derivados  das  moras  e  do  que  na  xíria  habitual  tende  a  denominarse  “unha  alta  exposición  ao  risco  derivado  da  burbulla  inmobiliaria”.

      En  segundo lugar,  a  cuestión  do  tamaño. Se  o  deseño  de  MAFO a  longo  prazo  implica  unha  enorme  reducción  do  número  de  entidades,  entón  as  dúas  caixas  convénlles  incrementar  o  seu potencial.

     En  todo  caso,  se  esa  unión  se  producise  sería  unha  boa  noticia  para  Galicia. Por  un  motivo  moi  evidente:  estamos  ante  transformacións  de grande  calado  na  estrutura  do  estado. O  Estatut  de  Cataluña  -faise  agardar  a  sentenza  do  TC-  abreu  unha  nova  fase  na  redistribución  do  poder.

     Ao  mesmo  tempo  a  crise  económica  afecta  de  modo  desigual  aos  distintos  territorios,  dándolle  unha  nova  oportunidade  ao  peso  relativo  catalán. Está  claro  que  os  vascos  do  PNV  -véxase  a  negociación  dos  orzamentos  e  o  énfase  na  I+D+i- continúan  xogando  ben  as  súas  cartas,  como  sempre.No  fondo,  Madrid,  Valencia  e  Andalucía,  os  novos  vértices  do  poder  da  España  cuasi-federal.

     Ademais,  a  crise  económica  é  o  pretexto  o  a  oportunidade  (depende  como  se  vexa )  para  establecer un  novo  mapa  financeiro  -  a  relación  das  Caixas  resultantes  co  tecido  produtivo  e  os  poderes  políticos  de  cada  comunidade  debe  entenderse  nese  contexto-.

       Galicia, insisto  neste  punto,  está  perdendo  peso  relativo  en  España  en  todas  as  ordes. Diso  todos  os  grandes  partidos  galegos  teñen  algunha  responsabilidade,  ademais  de,  por  suposto,  as  elites  empresariais  e  económicas. Tal  vez  é  outra  maneira  de  dicir  que  Galicia  da  de  si  o  que  da  de  si  e  non  hai  máis  que  facer…

       Pero,  se  ha  de  intentar  preservar  a  súa  vontade  política  propia,  e  un  espazo  cultural  autónomo, entón,  como  é  evidente,  debe  ter  un  dinamismo  económico  non  marcado  unicamente  pola  inercia   do  estatal  e  debe  ter  instrumentos  financeiros  que,  eventualmente,  participen  do  deseño  estratéxico  da  Xunta.

    Se Galicia  perde as  súas  caixas,  ou  reduce  o  seu  peso  está  claro  a  onde  estaremos  abocados  á  longo  prazo.

      Á  irrelevancia,  que  tal  vez  xa  é  onde  estamos.

      Aínda  que  tanta  xente  asubíe  e  se  faga  o  tolo  con  ese  indebido  amor  pola  alta  retórica,  que  oculta  a  súa  deixadez.

    3 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 27 Out 2009

    Agora virá o novo decreto

    Anxo  Lorenzo  anuncia  a  presentación  do  novo  decreto  sobre  o  galego   http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2009/10/26/0003_8062716.htm

      Se  entendemos  ben  a  lóxica  política  do  asunto  o  que  o  PP  fará  é  defender  as  teses  castelanistas  alí  onde  supón  que  o  público  lle  presta  ouvidos -A Coruña, Vigo-  e  onde  infire tamén  que  pode  desgastar  as coalicións  que  gobernan  eses  concellos,  pero,  no  entanto,  elaborará  un  decreto ambigüo no  que  fai  referencia  ao  ámbito  educativo.

      Haberá  que  ver  como  se  desenvolve  o  decreto  e  a  filosofía  que  o  inspira,  pero  o  anuncio  de  que  intentará  observar  unha  especie  de reparto  do  30 %  entre  galego,  castelán  e   outros  idiomas  só  é  unha  parte  -a  máis  rechamante-  da  cuestión.

      Se,  como  suxiren  algunhas  voces,  se  definirán  mínimos  para  cada  idioma  pero  despois  se  lle  dará  grande  protagonismo  aos pais  e  á  comunidade  escolar  estaremos  nunha  nova  fase  na  que  cada  centro  poderá  optar  entre  máis  ou  menos  galego  e  castelán -deixo  entre  paréntese  o  estatuto  do  inglés,  francés, etc-  dependendo  da  vontade  e  dispoñibilidade  de  uns  e  outros.

      Será  unha  situación  na  que  o  futuro  do  galego  no  ensino  se  xogará  nun  nivel  micro,  entrarán  en  xogo  os  diversos  sesgos  da  capilaridade  social.

      Esa  apertura  lle  permitirá  a  consellería  pasarlle  a  pelota  a  outros  e,  polo  tanto,  afrontar  unha  infinitude  de  conflictos  que,  así,  quedarán  derivados  a  cada  consello  escolar,  ou  quen  sexa  o  órgano  educativo  que  teña  capacidade  de  decisión sobre  o  particular.

      Entendo  que  por  aí  van  os  tiros  e  que  iso  significa  un  xiro  ou  inflexión:  da  norma  abstracta  decidida  pola  Consellería  e  de  teórica  universal  aplicación  a  un  ceder  o  protagonismo  a  pais,   centros educativos  e  etc.

    8 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 26 Out 2009

    Gayoso non está pola labor..

      Realmente,  non  sabemos  a  situación  real das  dúas  Caixas  galegas. Sabemos,  dende  logo,  que  CaixaGalicia  é  favorable  á  fusión  e  que  Gayoso  oponse  frontalmente. Os  últimos  días  houbo  unha  fervenza  de  declaracións  dende  Vigo  que  deben  ser  lidas como  expresión  desa  negativa  http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Vigo/moviliza/frente/empresarial/fusion/cajas/elpepiautgal/20091022elpgal_4/Tes

      ¿ Significa  iso  que  a  solvencia  e  a  liquidez  da  Caixa  viguesa  teñen  mellores  ratios  que  no  caso  de  CaixaGalicia?. ¿ Poderá    Caixanova  prescindir  do  FROB ?. ¿ Ou  máis  ben  a  idea  é  tomar  diñeiro  dese  fondo a  través  dunha  SIP  con  algunha  entidade  do  exterior de  Galicia,  como  parece  ser  o  desexo  de  Gayoso ?.

      O  certo  é  que  a  opacidade  e  a  falta  de  transparencia  das  dúas  entidades  -verdadeiros  coutos  pechados  nos  que  o  nepotismo  é  senón  a  lei  ao  menos  o  hábito-  é  de tal  magnitude  que  temos  moi  poucos  datos  para  tomar  en  consideración. Todo  son  faladurías..

      En  todo  caso,  xa  temos montada  a  lea  localista. Xa  Caballero,  dende  Vigo -apoiado  por  Blanco,  ao  parecer-  e  Losada,  dende  a  Coruña,  anunciaron  a  súa  oposición  a  unha  posible  fusión,  no  caso  do  primeiro  e  só  se  non  se  produce  un  cambio  na  ubicación  da  dirección  da  entidade  resultante  na  cidade  herculina,  no  caso  do  segundo.

      As municipais  están  aí  e  ninguén  quere perder  comba.

      E  Feijóo  ¿ qué  pensa  Feijóo ?.

     http://www.lavozdegalicia.es/dinero/2009/10/26/0003_8063032.htm 

      ¿ Forzará a  fusión ? ¿ Chamará  aos  tres partidos  a  ter  unha  posición  común  sobre  este  tema  que  evite  a  súa  manipulación  electoral ?.

       De  ser así,  sería  algo  bo. De  paso,  poderían  aproveitar  para  negociar  unha  nova  Lei  de  Caixas  que  es  faiga  máis  democráticas  e  lles  dea  transparencia..

    3 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 24 Out 2009

    Coa que está caendo e a mallar sobre Quique..

    Pode  consultarse  en  Vieiros  a  seguinte  entrevista  con  Henrique  Monteagudo http://www.vieiros.com/nova/76859/a-excesiva-identificacion-do-galego-co-nacionalismo-e-malo-para-o-galego-e-malo-para-o-nacionalismo

      As  súas  opinións  poden  ser  compartidas  ou  non,  poden  resultar  agradables  aos  ouvidos  ou  non,  pero  son  as  súas  opinións  e  ten  todo  o  dereito  a  telas.

      Non  pode  entenderse  -un  queda  estupefacto-  as  reaccións  que  suscita,  o  resentimento  que xera,  os  malos  humores  que  provoca.  

       Por  suposto,  os  seus  detractores  poden  cuestionar  o  que  asevera,  pero  o  que  practican  é  a  caza  do  home. Son  axentes  provocadores,  infatuados  dos  que  ignoramos  a  súa  identidade  e  que  se  escudan  nela  para  o  insulto  e  a  maledicencia.

      ¿Terán  un  sentido  do  que  significa  a  liberdade,  a  boa  fe  e  o  respeito  aos  criterios  alleos ?.

      ¿ En  qué  tipo  de  Galicia  nos  propoñen  vivir,  cales  son  os  seus  designios,  porque  toda  a  responsabilidade  que  atribúen  con  tan  grande  liberalidade  a  outros  non  xera  nin  unha  palabra  de  auto-reflexión,  de  indagación  sobre  o  propio  fracaso  e  impotencia ?.

       Un  querido  amigo,  Rafael  Martinez  Castro,  invirteu  desta  forma  hai  anos  o  coñecido  verso  de  Novoneira  “A  forza  do noso  amor  non  pode  ser  inútil”:   “Tanta  inutilidade  non  pode  ser  amor”.

    62 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 23 Out 2009

    Galicia é plural

    O Partido  Popular  gañou  as  eleccións  de  marzo  polos  pelos,  á  última  hora,  despois  dunha  campaña  na  que  valeu  todo  e  quedando  por  debaixo  en  número  de  votos. Iso,  dende  logo,  non  lle  quita  lexitimidade  á  súa  vitoria  pero  tal vez  si  debería  aconsellarlles  humildade. Ata  onde  sei  -ou  ata  onde  se  sabe-  tampouco  parece  probable  que  vaian  a  gañar  as  eleccións  municipais  revertendo  o  mapa  de  hai  catro  anos  que  lles  deu  unha  cómoda  maioría  aos  gobernos  bipartitos  na  práctica  totalidade  dos  concellos  medianos  e  grandes  do  país. Esa  é  a  realidade. Non  tan  benéfica  para  os  seus  intereses  como  quererían  os  conservadores  pero  é  a  que  hai.

      Así  que  a  arrogancia  non  só  do  PP,  senón  tamén  dalgúns  medios  de  comunicación  que  daban  por  descontado  que  o  bipartito  estaba  derrotado  en  todos  os  ámbitos  e  podía  facerse  unha  campaña  militar  contra  o  estado  de  opinión  que  eles  representan  carece  de  base. Acaba  de  verse  no  ámbito  da  política  lingüística. Sen  dúbida,  hai  xentes  que  quixeran  que  o  galego  fose  desterrado  das  súas  vidas,  pero  erguer  sobre  esa  base,  socialmente  reducida,  un  esforzo  de  liquidación  do  idioma  propio  é  ir  demasiado  lonxe. Supoñer  -que  era  o  que  o  goberno  presumía-  que  os  casteláns  falantes  aproban  en  masse  esa batalla  contra  o  galego  resulta  unha  inferencia  ridícula,  grotesca.

       Galicia  é  plural  e,  o  que  tal  vez  é  máis  importante,  todos  o  sabemos. Hoxe  a  opinión  pública  é  moito  máis  consciente  sobre  a  súa  diversidade  interna  do  que  o  estivo  nunca  e,  por  tanto,  da  necesidade  de  chegar  a  consensos  nos  temas  nos  que  iso sexa  posible. Hai  actitudes  diferentes  sobre  o  galego,  sobre  as  caixas,  sobre  o  dereito  ao  aborto  e  sobre  case  todo. Hai  que  alegrarse  diso  porque  a  pluralidade  é  un  ben. No  caso  do  idioma  non  creo  pecar  de  profeta  se  auguro  que  a  Xunta  terá  que  rectificar  sobre  ese  punto.Tampouco,  se  estimo  que  o  PP  non  vai  a  volver  a  gozar dos  silencios  e  ausencias  do  pasado  que  permitiron  o  que  Anxo  Guerreiro  chama  a  instauración  dun réxime. Feijóo  non  é  Fraga,  nin  aquel  tempo  é  este  tempo.

    8 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 22 Out 2009

    O idioma, o PP e o PSdeG

    Coloco  como  post  dous  comentarios  de  resposta  a  Rucho en  relación  ao  post  anteriores  “No  PP  tamén  hai  diversidade”.

    Non penso que ninguén se vaia esgallar do PP. Creo, iso si, que a manifestación do domingo pasado como signo dunha certa evolución da opinión pública pode facelos rectificar e retornar a unha actitude menos agresiva, de retorno ao consenso. A intentar non enfrontar, dado que poden saír perdendo desa pelexa.

    Haberá que ver como actúan a partires de agora: se acentúan o combate ou se intentan a ambigüidade que foi a marca das políticas do período Fraga: a combinación de medidas positivas para o galego moduladas por unha aplicación laxa. O novo decreto, cando sexa presentado ao público poderá iluminarnos sobre este aspecto.

    Que poden ir a por lá e sair trasquilados era algo que non sabían. Feijóo e outros como el pensaban que as transformacións do país sancionaban un xiro na política lingüística no que era posible satisfacer as demandas do sector de castelán falantes que atopa un problema no galego e, ao tempo, dividir á oposición.

    Supoñían, tal vez, que non aparecería reacción do outro lado, ou que sería moi débil, ou que se reduciría ao ámbito do nacionalismo que podería quedar así encastelado.

    Non entenderon, especialmente, que a bifurcación non é propiamente entre galego e castelán falantes. Hai entre os primeiros xente que non da un peso polo galego e xente entre os segundos que firmou “todo en galego” na recente consulta. A dualidade rural/ urbana tampouco é exactamente coextensa á cuestión, salvo que se admita o cadro mental que considera ao galego asunto do pasado que xa non volverá.

    As actitudes son máis complexas: agora mesmo, por certo, estamos no medio dun prodixioso punto de inflexión. Por iso é tan importante ser moi finos coas imaxes e argumentos que están conformando os marcos de referencia da sociedade galega sobre a cuestión neste momento.

    Pero creo que o que Feijóo está propoñendolle á sociedade galega é non só acabar co galego senón, ademais, inxuriar ao morto no enterro. E iso é ir demasiado lonxe.

    A magnitude da resposta, a súa inclusividade -é moi importante a presenza do PSdeG, e do ministro Caamaño- e a dificultade dos medios locais de manipular a tendencia a longo prazo sen custes son o marco de referencia no que os conservadores terán que elaborar unha política.

    A min paréceme probable que o PP rectifique dalgún xeito -tal vez sexa un inxenuo- se pode facelo.

    Se pode facelo porque da outra banda, na de Corina Porro & co, tamén hai moita xente no PP. E os sectores que alimentaron agora continuarán as súas demandas castelanizadoras.

    En todo caso, todo iso non impide o dato: hai sectores no PP que se sinten incómodos, con independencia de que se expresen en público ( os partidos son así: o que se move non sale na foto).

    Con todo hai que lembrar que temos a experiencia do pasado: unha lexislación máis positiva e unha actitude máis civilizada por parte do goberno galego non equivale a evitar a perda de galego falantes. Iso depende de procesos máis complexos sobre os que sería bo pararse, sen escapar con vagas alusións aos procesos de globalización -que levan a culpa de todo-.

    En particular, non deixa de chamar a atención a incapacidade de crear medios en galego e unha cultura urbana e de clase media homologable. Sobre iso. por certo, podería contar algunha anécdota que a prudencia me fai calar.

    Tamén a de abrir institucións escolares privadas en galego, como confirmación empírica da ausencia dos hándicaps que os odiadores do galego anuncian.

      O  segundo  comentario,  acerca  do  PSdeG  e  asuntos  conexos  é  este:

    O Partido Socialista era en Galicia un partido municipalista: non aspiraba ao poder da Xunta. Na época de Fraga había unha especie de reparto de papeis entre este e Francisco Vázquez polo cal aos uns tocáballes a Xunta e aos outros os concellos -o da Coruña, sobre todo-.

    Agora os socialistas están en transición. Diría que nun equilibrio inestable que pode decantarse ben a sentar os alicerces dun verdadeiro PSdeG -un partido con autonomía e política propia- ben a continuar sendo a expresión dos baróns locais máis o mimetismo de quen mande no estado.

    Dende logo, que exista competencia política polo poder da Xunta favorece (en principio )a primeira hipótese. Non pode ignorarse, con todo, que hai sectores moi amplos de orientación contraria: o campo de xogo das cidades (os Caballero, Losada, etc ) é decisivo.

    A súa presenza na manifestación o domingo é importante, o mesmo que o seu apoio a algunha das iniciativas de defensa do galego. ¿Por qué?. Porque todo partido tende a xerar unha subcultura interna, que pode bloquear ou favorecer perspectivas. Se o PSdeG, a través da confrontación co PP, interioriza o galego como idioma propio determinadas cousas serán moito máis fáciles.

    Dende logo, aqueles que se pensan favorables ao uso e prestixio do galego teñen que evitar a tentación patrimonializadora (ese narcisismo de grupo que por algún motivo ten tanto éxito no país ) e procurar puntos de vista inclusivos, que lles dean un papel aos castelán falantes e a todos aqueles que teñen boa fe en relación ao galego, dentro da diversidade das situacións.

    Insisto: agora estamos conformando os items cos que funcionará o galego nos próximos anos. Se queremos romper dunha vez por todas cos modos a través das cales aínda é percibido, temos que evitar, sobre todo, que quede pechado nunha atmósfera social particular.

    O galego no futuro xa non será máis un idioma falado por azar. Dado que vai a manterse por escolla consciente, convén que os motivos do seu prestixio sexan válidos para a diversidade de biosferas que poda haber en Galicia.

    3 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 21 Out 2009

    No PP tamén hai diversidade

     

       Non  creo  que  revele  ningún  secreto  de  estado  se  afirmo  que  no  PP  hai  moita  xente  que  se  sinte  incómoda  polo  rumbo  da  política  lingüística  que  imprimiu  Núñez  Feijóo. Máis  aló  de  Rafael  Cuíña  existe  un  bo  fato  de  xentes  -algunhas  procedentes  do  fraguismo- que están  en  total  e  franco  desacordo  coas  actitudes  que  nesta  materia  foi  tomando  o  novo  equipo  dirixente. É un  dato  que  me  consta.

      Algúns  fano  porque  tamén  queren  o  galego. Quéreno  ben  porque  son  galego  falantes,  ben  porque,  sen  selo,  de  ningunha  maneira  apostan  pola súa  liquidación. Ser  de  dereitas  non  leva  sempre  e  necesariamente  implícito  compartir  o  que  diga  o  último  estúpido  e  alucinado  de  Intereconomía  ou  El  Mundo. Como  é  natural  hai  moita  xente  de  dereitas  con  sentido  común  e  afecto  polo  país.

      A  aposta  de  Núñez  Feijóo,  a  súa  rendición  ante  o  novo  pijo  urbano,  parécelles  un  delirio  máis  propio  da  caverna  madrileña  que  de  alguén  que  se  supón  que  ten  que  gobernar  Galicia.  Ao  fin e  ao  cabo,  pensan,  o  país  ten  a  súa  complexidade  interna,  e  aínda  que  é  posible  atopar  aqueles  que  queren  ver  desaparecer  o  galego  -mesmo  aqueles  que  consideran  sospeitoso  o  seu  uso-  tamén  hai  unha  grande  corrente  central  que  de  ningunha  maneira  está  cómoda  con  esta  batalla.

      Ademais,  calibran,  o  desexo  de  Feijóo  de  chegar  á  Moncloa  non  debera  levar  consigo  o  derrube  das  portas  do  Templo. Non  pode  ser  bo  para  un  partido  que  aspira  a  ser  maioritario  por  moito  tempo  en  Galicia presentarse  a  si  mesmo  como  un  partido  antigalego. Esa idea  está  comezando  a calar  entre  a  poboación. Se  se  mantén  no  tempo  pode  ser  moi  prexudicial  para  os  intereses  electorais  dos  conservadores.

    7 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 18 Out 2009

    Paradoxos en torno ao idioma

      Unha  manifestación  é  un  momento  puntual  do  diálogo  que  unha  sociedade  mantén  consigo  mesma. É,  se  se  quere,  unha  forma  de  auto-reflexión. A  de  hoxe  está  tendo  un  tratamento  informativo,  polo  momento,  menos  sesgada  que  a  de  hai  uns  meses.

     Tal  vez  iso  suxira  que  a  atmósfera  está  cambiando,  pouco  a  pouco,  a  favor  do  galego. O  goberno  parece  estar  perdendo  a  batalla  da  opinión  neste  tema. De  momento,  todo  é  moi  incerto,  e  non  podemos  facernos  unha  imaxe  definitiva pero  hai  indicios  que  así  nolo  fan  pensar. A  propia  actitude  da  prensa  tal  vez  revela  que  non  quere  mancharse  tanto  cun  tema  tan  sensible  como  o  fixo  no  inmediato  pasado. Sería  unha  boa  notica  que  a  perda  de  lectores  da  Voz  http://www.canaldeportivo.com/deportienda/deporsport/pagina/2009/09/29/8 gardara  algunha  relación  cun  castigo  a  ese  periódico  pola  súa  actitude.

      A  presenza  do  PSdeG  é  importante  porque  pon  en  evidencia  o  aillamento  do  PP  e  o  radicalismo  e  a  histeria  antigalega  que  dan  lugar  a  manifestacións  tan  ridículas  como  as  da  inefable  Gloria  Lago http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/galicia-bilingue-considera-manifestaciones-queremos-galego-buscan-reducir-libertades/idEdicion-2009-10-18/idNoticia-478432/

      Neste  sentido  non  deixa  de  ser  curioso  -por  usar  unha  palabra  neutra-  que  o  goberno  central  -representado  polo  ministro  de  Xustiza  Francisco  Caamaño-  defenda  o  idioma galego  e  o  goberno  galego  se  dedique  a  inxurialo  e  combatelo. É  un  enorme  paradoxo  que  indica  ata  onde  teñen  camiñado  Feijóo &co

      As  falaces  apelacións  á  liberdade  e  o  ítem  “imposición”  parece  que  se  están  disolvendo  na  conciencia  popular  que  parece  ir  calando  o  significado  do  que  está  en  xogo.

      Con  todo,  sexamos  prudentes. Hai  que  darlle  tempo  ao  tempo  para  calibrar  todo  na  súa  xusta  medida. Hai  que  continuar  a conversa. Despois  da  manifestación  hai  que  continuar  dando  argumentos,  facendo  ese  traballo  de  convicción  tan  necesario. Os  sectores  que  saíron  do  armario  co  goberno  neo-pijo  de  Feijóo  non  van  a  retirarse  do  escenario.

    8 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
« Previous Entries

Outros blogs na trincheira

Ciudadano en el ágora

David Giménez Glück

Los derechos de los menores

Reconozcámoslo: no sabemos qué hacer con los adolescentes. Nos parecen gente extraña, incomprensible, con problemas [...]

Diario de una feminista

Violeta Tristán

ORACIÓN POR EL DERECHO AL ABORTO

Si hay que rezar, con tal de que nos dejen en paz y respeten nuestras vidas, que algo valdrán también [...]

El voto con botas

Fermín Bouza

Tomás y Trini: una obra de arte

Miraba y escuchaba esta madrugada 59 segundos, que siempre me parece un programa bien hecho y equilibrado de opinión, [...]

La trinchera digital

Manuel Rico

Una promesa sepultada

El Gobierno ha decidido archivar la Ley de Libertad Religiosa, que en teoría iba a ser uno de los proyectos estrella [...]

La zona gris

Félix de Mencía

Contra la religión

¿Consultaríamos con un chamán qué deben aprender nuestros hijos en la escuela? ¿Convocaríamos a una peña del [...]

Marcos y molduras

Luis Arroyo

Datos no; relatos sí. Políticas no; valores sí

No es puramente un discurso sobre el Estado de la Unión, como se ha dicho, sino más bien cubrir la formalidad de [...]

Sin frases hechas

Ana Noguera

El verano sólo fue un paréntesis

Finalicé el último artículo, recordando los dos “dolores de cabeza” a los que se enfrentaban los grandes [...]

Taberna y otros lugares

Arturo Burton

Las tortas de Pedro Jota

“Si mi hija Cósima se viste así para una recepción, vamos, es que le doy una torta”. Palabra de Pedro [...]

O café na trincheira

Antón Baamonde

Con Arcimboldo ven o verán..

      De  momento,  esta  fiestra  pecha.   Grazas  a  todos  os  que  entraron  no  Café na  [...]

El sedàs

Ferran Casas

CiU precipita la seva estratègia i perd la basa del finançament

Artur Mas va fer dimarts una roda de premsa important que podria marcar un abans i un després en les conseqüències [...]

Itsasertzetik

Guillermo Malaina

Ajuria Enean “piper” asko euskara gabe

Albiste hau aurkitu dut Berria egunkarian. Beherago, erdaraz, Semanal adizkariak argitaraturiko erantzun zuzena. [...]

Blog publicado con Wordpress

© Todos os dereitos reservados

Cabeceira: Guillermo Varela - Deseño: Daniel Solana - Programación: Rodrigo Díez Villamuera