Argumenta Santiago Rey en “La voz de la calle” http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2009/08/30/0003_7937628.htm o artigo no que conmemora o seu setenta e un aniversario que él é un simple notario da realidade, un editor que se limita a transcribir a opinión común que calquera de nós pode escoitar se atende aos que o rodean.
É, por suposto, unha enorme mentira. “La Voz de Galicia” está cada vez máis lonxe da pretensión de obxectividade ou neutralidade. O escrito de hoxe ven a confirmar a vontade de intervención directa do xornal na práctica totalidade dos asuntos que concernen ao país dende a óptica non tanto da dereita local como da visión tan aqueixada de presbicia do seu editor, que terá moitos defectos pero ao que non lle faltan arrestos para pretender poñer a todo o mundo que se deixe en fila.
É unha novidade que corre parella aos cambios no papel da prensa en España e, particularmente en Madrid. Por suposto La Voz sempre pretendeu influír pero, no pasado, os seus puntos de vista tendían a coincidir cos do establecemento, significara iso o que significara. Non buscaba a mobilización da opinión pública.
Pero iso deixou de ser así dende hai máis ou menos -se a memoria non me falla- seis anos, cando, despois da desastrosa xestión dos seus fillos, o propio editor tomou o goberno da nave. Dende aquela, “La voz de Galicia” parécese cada vez máis e “El Mundo”. Non só porque comparta o apoio cada vez menos disimulado ao PP, e en xeral por pretender representar os puntos de vista conservadores, sen apenas concesións á galería, senón porque, dende que o editor se puxo as botas de director “La Voz” pretende exercer a dirección real do país.
O artigo de hoxe é unha advertencia. Nel o editor sinala a súa axenda, que ha de ser tamén a de goberno e oposición. Quen non a comparta -quen non lea ese artigo con atención e procure conformar a súa acción aos puntos de vista aí expresados- sabe que será obxecto de excomunión e de vingativa vendetta. Aí está decidido dende onde tería que estar a sé dunha hipotética Caixa resultante da fusión das dúas hoxe existentes ata a nemiga contra as autonomías que se exceden no gasto -todas, por suposto- pasando pola confirmación da condea contra Quintana.
Pero de feito o máis misterioso do escrito non é o listado do que Santiago Rey e o seu xornal considera prioritario -ao fin e ao cabo límitase a repetir o catálogo das súas peculiares manías- senón a advocación á “sociedade civil”. Iso, nun contexto como o deste artigo sona a tentación Berlusconiana. Non é probable que pola cabeza de Don Santiago pase configurar ou darlle mecha a algo parecido a “Cidadans de Galicia”. Pero ¿quen sabe?.

Subscríbete por e-mail!



