Como a rede permite estas formas de reutilización, transcribo a resposta a un amable comentario de Carlos David Conzález, que é posible ler en ! a saber onde se meteu Anxo Lourenzo ¡ con -iso si- algún engadido.
Gracias pola amabilidade, Carlos.
A túa hipótese pode ser acertada: pero aínda é unha hipótese. Esa é, neste momento procesal, a reserva que hai que tomar. O próximo curso vai a ser definitivo. No me refiro só ao escolar, senón ao ano social e político. O 2009-2010 vai ser o ano en que certificaremos o moito terreo que temos perdido no ámbito do idioma ou aquel no que atoparemos un chan para afincarnos. A combinación de presión e finezza sería o cóctel apropiado. Pero ao final todo dependerá da sensibilidade social: de que lado se decanta.
Lancei noutro post a idea de organizar unha macromanifestación na que se uniran todas as sensibilidades en favor do idioma -cuns acentos ou outros-. Os tres sindicatos, os dous partidos que aprobaron o decreto, as ANPAS, Nova Escola Galega, federacións de escolas e outras institucións de carácter pedagóxico e todas aquelas organizacións sociais e personas que quixeran adherirse a unha nova civilidade lingüística que atalle non só os discursos que comezan a instalarse na nosa cidadanía senón tamén que intente gañar simpatías para esta causa e intentar que idioma non continúe a perder falantes. Non hai que ser agónicos, pero hai que dar a batalla. Ao final, do que se trata de comprobar a temperatura do país.
Con todo, ese aspecto, con ser importante, non é o máis decisivo. A batalla dos encadres resulta máis importante que a numérica -que sempre pode equivocar acerca do sesgo das maiorías indiferentes-. O que hai que conseguir é que a mentalidade media sexa favorable ao galego, e que teña bos argumentos para ela. Non haberá futuro se os pais castelán falantes non son favorables a que os seus fillos coñezan e falen en galego. Iso pode suceder, pero hai que atopar unha nova centralidade para o galego e instaurar un novo consenso que non se quede no ritual e formal. É moi complicado, case imposible dada a situación actual -un dos problemas que temos é que a xente está demasiado acostumada a esconder a cabeza baixo as alas- pero hai que intentalo. O galego ten que ser o sinal dunha nova onda de modernización do país. En todo caso, hai que dar a batalla contra a involución.
O último aspecto -e o máis difícil- é que se recupere o número de galego falantes. Iso depende de cambios na actitude da sociedade galega que non son imposibles, pero que sí son moi complicados. O certo é que os últimos vinte anos foron case perdidos. Todos somos responsables, pero uns máis que outros. O tan mentado Mapa socio-lingüístico da unha fotografía tremenda: ninguén pode hoxe alegar ignorancia, nin deixar de constatar o pouco éxito do que ata agora se fixo. Tense acentuado en exceso o papel das leis e da escola -hai o prexuízo de que todo se amaña con decretos- e moi pouco o das familias e a responsabilidade social. É obvio que hai que apelar a unha cidadanía que xa non actúa con tanta espontaneidade, que toma cada vez posicións máis conscientes, aínda que estean determinadas por unha esfera de opinión pública moi reactiva. Hai que insistir en que os medios de comunicación están á dereita da sociedade tamén neste aspecto. Os mesmos vellos prexuízos seguen presentes. Alguén ten que darnos indicacións como recorrer este camiño.
Dende logo, o papel dos medios de comunicación non é glorioso. Pero os partidos e institucións -incluíndo a RAG, o CCG, ou a mesma MNLG tampouco se luciron especialmente-. O libro de Xosé Manuel Sarille pode dar conta da pouca innovación e esixencia da normalización lingüística. Mentres o galego ía perdendo non só falantes senón lexitimidade todos esquivaron as súas responsabilidades. En Galicia todo é símbolo e como todo é símbolo ninguén se molesta en facer as cousas prácticas. Aquí hai moito queda ben, moito sectarismo e moita inutilidade. Moi pouco aprezo real por abordar as cousas de fondo, por establecer consensos de verdade -os que sirven para algo máis que saír na foto- e etc.
O goberno bipartito, GB, o retorno do PP ao poder cun programa tan destructivo e feito á medida do neo-franquismo de certos medios madrileños e do pijerío local que xa non quere ter débeda moral algunha para o idioma dos seus pais, do que se seguen avergoñando, tal vez sexan motivos para o pesimismo. E tampouco hai que facerse moitas ilusións acerca da sociedade civil galega da que tamén habería moito que falar. Pero segue sendo certo que agora nótase un pulso social que antes non había, un afan de ir ao fondo das cousas con intelixencia e un desexo de prescindir dos símbolos que só serven para ocultar a incompetencia e o valeiro de propostas reais de futuro.
Pesimismo da intelixencia, optimismo da vontade: a fórmula é vella, aínda que un ás veces -sobre todo considerando as enormes doses de hipocresía social que se estilan por aquí: os galegos somos xente moi complicada- teña a tentación de mandar todo a freír espárragos e poñerse a falar de Isaiah Berlin, Rorty e Vattimo, que son o meu. Pero ao final un recorda o poema de Espríu e recorda tamén que a cultura non pode ser esa bobada que é o equivalente para alguns de comprarse un audi ou un traxe dos de Camps. Unha maneira de lucir. En fin, perdón polo exabrupto.

Subscríbete por e-mail!



