O café na trincheira

Just another WordPress weblog
RSSRSS Contacta Subscríbete por e-mail!

Sobre este blog

  • O autor
  • A liña editorial

Seccións

  • Cultura
  • Política
  • Uncategorized

Arquivo

  • Xuño 2010
  • Maio 2010
  • Abril 2010
  • Marzo 2010
  • Febreiro 2010
  • Xaneiro 2010
  • Decembro 2009
  • Novembro 2009
  • Outubro 2009
  • Setembro 2009
  • Agosto 2009
  • Xullo 2009
  • Xuño 2009
  • Maio 2009
  • Abril 2009
  • Marzo 2009
  • Febreiro 2009
  • Xaneiro 2009
  • Decembro 2008
  • Novembro 2008

Blogroll

  • Blogroll

    • Alicerces
    • Alter economía
    • Arume dos piñeiros
    • As túas balas
    • as uvas na solaina
    • Bretemas
    • Cabaret Voltaire
    • Cafradas Financieras
    • Calidonia
    • Croques
    • De paso
    • Dissent
    • Feijóo mente
    • Fundació Rafael Campalans
    • Infraestructuras de Galicia
    • Krugman Blog
    • landoas
    • O funanbulista coxo
    • Peter Singer
    • Peter Singer
    • Renovar o BNG
    • Si home si
    • The Nation
    • Tom Paine
    • Vicenç Navarro
    • Vigoblog
    • Xavier Carro
  • 26 Abr 2009

    Arrogancia

     Agora  que  o  bipartito  pasou,  e  que  todo  o  mundo  expresa  en  voz  alta  as  queixas,  é  moi frecuente  escoitar  que  moitos  entre  os  que  foron  altos  cargos  pecaron  de  soberbia. Como  daban  por  sentado  que  durarían  moito  nas  súas  cadeiras  non  supoñían  que  fose  necesario  practicar  a  virtude  da  humildade.

       Calquera  que  escoitara  a  Núñez  Feijóo  na  Praza  do  Obradoiro  o  día  da  súa  toma  de  posesión  sabe  que a) evitou  todo  luxo. Ao  parecer  o seu  custe  foron  doce  mil  euros. b) suliñou  o  cambio  xeracional. O  “comezamos”,  que  pretende  evitar  a  ligazón  simbólica  coa  era  Fraga,  a  idea  da  continuidade  e c)  insistiu  na  “humildade”. 

       Que  a  “humildade”  sexa  un  valor  tan  grande  parece  indicar  que  os  seus  asesores  percibiron  que  o  bipartito  pecou  de  arrogancia e  vaidade. ¿ata  qué  punto  foi  así?. Dende  logo,  cabe  notar  que  o  BNG  sempre  pecou  de  certa  vaidade  moral,  de  presumirse  -sen  aparente  constatación  empírica-  distintos  e  mellores. É  un  pecado  característico  do  sectarismo  de  esquerdas  e  de  dereitas.

      O  PSdeG  pola  súa  parte,  parece  ter  nacido  para  gobernar. Moitos  entre  eles  tenden  a  ver  ao  BNG  como  unha  anomalía,  unha  especie  de  inexplicable  artefacto  do  que  non  se acaban  de  explicar  nin  como  pode  existir. Que  supoñen,  en  definitiva,  que  o  mundo  non  debería  incluír  algo  así. É  outra  forma  de  sectarismo,  propia  do  que  se  sinte  maioritario  e  tende  a  desprezar  á  minoría.

       Despois  están,  claro,  as  formas  menores  de  arrogancia, tal  vez  as  máis  frecuentes:  aquelas  propias  do  que  se  ufana  infantilmente  por  un  cargo menor  e  as  do  que  lle  gusta  mandar  ( a  ser  posible  coa súa  pinga  de  goce  sádico  co inferior e  de  posición  de  firmes  ante  o  superior ).

    5 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 25 Abr 2009

    Veñen tempos convulsos

      Veñen  tempos  políticamente  convulsos. No  inmediato  a  encrucillada  catalana  -o  financiamento  primeiro,  máis  tarde  a  sentencia  sobre  o  Estatut-  vai  poñer  a  proba  as  relacións  entre  PSOE  e  PSC. Montilla  non  quere  ser  Maragall:  non quere  sacrificarse  no  altar  da  gobernabilidade  do  estado. Pero  para  o  goberno  central  esa  negociación  pode  supoñerlle  unha  presión  insoportable  doutras  comunidades  de  intereses  afectados  -Galicia  entre  elas-  e  da  dereita,  que  esta  vez  se  dividirá  os  papeis  de  policía  bo  -Rajoy-  e  policía  malo  -a  caverna  mediática  madrileña  con  Espe á  cabeza-.

    O  normal  é  que  retorne  a  crispación,  máis  problemática  en  tempos  de  crise  extrema  -as  noticias  do  paro,  a  cifra  das familias  nas  que  non  traballa  nin  un  só  membro,  son  estarrecedoras-. 

       Salvo  que  suceda  un  milagre  esa  conxunción  de  factores  se  levará  por  diante  ao  goberno  do  PSOE  en  Madrid. cando  iso  suceda  haberá  que  ter  en  conta  estes  dous  datos. Como  moi  ben  afirmaba  Fermín  Bouza  o  pacto  do  PSE  co  PP  en  Euskadi  xerará  un  agostamento  do  espazo  estratéxico  que  pode  notarse  máis  cando  perda  o  poder. Ademais,  as  clases  medias  urbanas  hai  tempo  que  foron  gañadas,  no  seu  núcleo  duro,  polo  PP.

       Pode  derivarse  daí  isto:  que  en  España,  que  dende  a  transición  era  un  país  tomado  no  seu  conxunto  de  centro  esquerda,  pase  a  establecerse  un  ciclo  prolongado  de  poder  da  dereita. A  temperatura  basal  parece  estar  xirando  nesa  dirección. No  entanto,  CiU  e  PNV  retornarán  ao  goberno  establecendo  a  tradicional  entente  co  goberno  central.

       En  Galicia  iso  podería  significar  un  notable  apoio  para  Núñez  Feijóo. Podería  darlle  tempo  para  gañar  terreo  e solidificar  a  reconquista. Aínda  que  hai  que  ter  en  conta  que  a  súa  victoria  foi  anómala,  non  só  imprevista. No  noso  caso,  a  estas  alturas  o  normal  sería  que  gañase  o  bipartito,  dada  a  transformación  da  estructura  social  e  outros  datos  menores.

    ¡Comenta esta entrada!
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 23 Abr 2009

    Lío no BNG

    A semana  pasada  o  BNG  organizou  o  seu  Super  Martes,  que  neste  caso  foi  un  sábado. A  consulta  que  se  lle  fixo  aos  militantes  tivo  un  certo  carácter  de  eleccións  primarias  internas. O  resultado  xa  é  coñecido  e  ten  implicacións  desconcertantes. Está  na  man  de  Carlos  Aymerich  -o portavoz  dos  así  chamados  quintanistas-  o  fiel  da  balanza. Pode  pactar  coa  UPG  -que  tivo  o  47%  dos  votos-  ou  sumar  as  súas  forzas  ás  de  Encontro  Irmandiño  para  dar  lugar  a  un  novo  equilibrio  interno  que,  de  todos  modos,  non  podería  deixar  fora  á  UPG. Se  fai  o  primeiro  será  a  reedición  do  de  sempre,  o  segundo non  sabemos  nin  tan  siquera  se  é  posible.  En  realidade,  ese  resultado  pode  abocar  a  unha  situación  de  bloqueo  interno.

       ¿  Cabe  que  a  UPG  se  responsabilice  do  BNG  ?  ¿cabe  que  Guillerme  Vázquez  sexa  o  candidato  e  que  ese  partido  actúe  sen  intermediarios  aos  que  adxudicarlle  os  fracasos ?. Non  parece  fácil.

      ¿ Cabe  que  Carlos  Aymerich  sexa  o  candidato  sobre  a  base  da  reedición  do  pacto  coa  UPG ?. Nese  caso,  volvemos  ao  Statu  Quo  Ante. Despois  dunha  pequena  convulsión  o  BNG  retornaría  ao  que  foi  o  caso  nos  últimos  anos.

      ¿ Cabe  que  o  pacto  sexa  dos  quintanistas  con  Beiras  et  altri ? ¿ Significaría  iso  o  retorno  de  Beiras  como  candidato ? ¿ ou  sería  posible  que  entre  os  dous  organizasen  unha  transición  pacífica  que  fixera  máis  fluído  o  BNG ?.

    7 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 20 Abr 2009

    Volvendo sobre o idioma: unha proposta

     Podo  constatar  -non  necesito  máis  que  sacar  o  tema  coa  xente  á  que  trato-  que  Galicia  Bilingüe, polo  de  agora,  gañou  a  batalla  dos  encadres. A idea  da  libertade  de  opción  sona  -como  non  podía  ser  doutra  maneira-  ben. A  idea  da  imposición  asentouse  non  só  entre  o  que  poderiamos  entender  que  é  o  seu  público  natural.

       Entrar  a  defender  o  decreto  sen  liberalo  do  fantasma  da  pretendida  imposición  condúcelle  a  ún  a  prolixos  argumentos  sobre  as  leis  que  sonan  moi  abstractos  e  que  teñen  pouco  que  facer  coa  transparencia  e  a  simplicidade  dese  principio. Por  suposto,  o  pano  de  fondo  é  que  vivimos  nunha  sociedade  que,  como  hai  que  recoñecer,  é,  nalguns  estratos,  case  monolingüe  en  castelán  e  que  xa  abandonou  calquera  complexo  de  culpa  en  relación  ao  que  foi,  unha  ou  dúas  xeracións  atrás,  o  idioma  dos  seus  pais  e  abós.

        Sendo  isto  así,  creo  que  establecer  un  novo  consenso  sobre  o  galego  podería  incluír  elementos  como:  a) facer  explícito  que  a  sociedade  galega  é  bilingüe  e  que  vai  a  seguir  séndoo  e  que  ninguén  pretende  exercer  coacción  algunha  nese  terreo,  máis  aló do  que  determinen  as  leis  que  son  sempre  expresión  das  maiorías  parlamentarias  e  por  tanto, das  decisións  que  unha  sociedade  toma  sobre  as  súas  normas  de  convivencia.Facer  entender,  por  tanto,  que  o  decreto  é  conforme  á  legalidade  constitucional,  como  o  dictaminou  o  TC  e  á  súa  lóxica  de  defensa  dos  dereitos  dos  usuarios  dos  dous  idiomas,  no  só  dos  castelán,  que  é  o que  pretenden  os  promotores  do  “Manifiesto  en  defensa  de  la  lengua  común”. O  supremacismo  do  castelán  é  o  que  debe  ser  centro  do  debate. 

               b)  Facer  notar  que  “Galicia  Bilingüe”  máis  ben  aposta  pola  castelanización  que  polo  bilingüismo. Nesa  organización  tal  vez  conflúen  os  elementos  que  buscan  a  mobilización  política  promovida  pola  dereita  extrema  madrileña  -os  profetas  do  “España se  rompe”-  co  malestar  deses  pais  monolingües  en  castelán  que  simplemente  entenden  que  os  seus  fillos  teñen  que  facer  un  esforzo  adicional  do  que  preferirían  liberarse. A  diferenciación  é  prudente,  porque  o  primeiro  nos  leva  a  unha  discusión  política  sobre  qué  entendemos  por  España  -convén  facer  pedagoxía:  facer  entender  que  España  é  un  estado  case  federal  de  gran  pluralidade  nacional  interna-  e  o  segundo  nos  leva  a  argumentos de  orde  pedagóxica,  que  representan  unha  orde  de  discusión  totalmente  diferente.

       c) sacar  o  idioma  galego  do nicho  nacionalista:  facer  do decreto  -que  hai  que  lembrar  que  é  semellante  ao  aprobado  polo  PP  en  Mallorca-  un  punto  de  confluencia  dos  demócratas. A  defensa  do  galego  debe  de  entenderse  como  a  opción  de  “galeguismo  consciente”,  para  repetir  a  Núñez  Feijóo,  dunha  sociedade  que  sabe  que  o  seu  idioma  está  en  condicións  de  inferioridade,  que  corre  riscos  enormes  e  que  quere  que  ese  idioma  non  só  non  desapareza  senón  que  quere  convertelo  nun  signo  de  unidade  e  de  modernidade  que  debe  estar  máis  aló  das  polémicas  desenvoltas  pola  caverna  e  polos  que  dividen  interesadamente  dende  certos  medios  de  comunicación.

      d) a  defensa  dese  decreto  debería,  por  tanto,  ser  levada  a  cabo  non  pola  MNLG  senón  polos  tres  sindicatos  maioritarios,  os  dous  partidos  que  o  aprobaron,  os  pais  da  escola  pública  e  os da  privada  que  se apunten,  as  asociacións  de  profesionais,  empresarios  e  etc.  que simpaticen  con  esa  causa  e,  en  fin,  unha  fronte  o  máis  ampla  e  integradora  que  fose  posible.     

       Son  só  notas,  case  unha  reflexión  privada  que  poño  sobre  a  mesa  por  se  fora  útil. Meter  a  cabeza  no  furado,  facer  de  avestruz  case  nunca  da  resultado.

    7 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 18 Abr 2009

    Marcando a axenda

      A  revista  “Tempos  Novos”  dedica  o  seu  último número  á  incidencia  da  presión  mediática  no  resultado  electoral. É  evidente  que  esa  campaña  demostrou  que  xa  non  hai  dentro  e  fora. “Intereconomía”,  como  outros  medios  non  galegos da dereita  extrema  chega  aos  fogares  a  través  da  televisión  en  aberto. A  dereita  conta  hoxe  cunha  batería  de  medios  que  disparan  con  armas  de  calibre  groso fronte  ao  que  apenas  sí  hai,  en  Galicia,  nada. Se  PSdeG  e  BNG  non  elaboran  unha  actitude  intelixente  nese  terreo  veremos  á  dereita  e  aos movementos  afíns  -dende  Galicia  Bilingüe  ata  os  contrarios  ao  aborto,  etc.-  medrándose.E  enfronte  o  trazo  característico da  esquerda  local:  a  pasividade  de  fondo  disimulada  polas  hipérboles. 

    Leo  nun  comentario a  unha  enquisa  en  La  Voz  de  Galicia  este  títular  dun  lector  cabreado  con  ese  medio  “Galicia  non  é país  para  covardes”. No  entanto,  o  Bipartito  foino  na  súa  relación  cos  medios  de   comunicación  e,  en  especial,  co periódico  coruñés. Polo  que  vemos  e  sabemos  ata  o  día  de  hoxe  a  nova  oposición segue  séndoo  e parece  que  iso  durará toda  a  lexislatura. Baixan  a  cerviz  e  ceden  a  iniciativa  política,  que  hoxe  se  xoga  nese ámbito. Se  non  o  entenden  así  están  perdidos.

      Nunha  entrevista  Quintana,  doído  pola  perda  das  eleccións  ameazaba  con  facer  públicos os  catos  que  os  medios  recebiron  na  lexislatura  pasada. Naturalmente,  non  o  fixo,  porque  é  unha  confesión  de  culpa. Eles  realmente  alimentaron  a  man  que  os  executou. ”La  Voz”  parece  estar  asumindo  -dun  modo  máis  disimulado  como  corresponde  ao  espírito  do  país-  entre  nós  o  papel  que  “El  Mundo”  xoga  en  Madrid:  o  do  periódico  que marca  a  axenda  e  que  aspira  xa  non  a  condicionar  senón  a  marcar  a  liña  política  da  oposición  e/ou  do  goberno.

       É  moi  probable  que  teña  éxito,  salvo  que  alguén  se  lle  ocorra  algo  máis  que  protestar  neste  novomuro  das  lamentacións  que  son  os  blogs  -interesantes  para  a  discusión, pero  sen  peso  na  rúa-  ou  que  Feijóo  decida ter  máis  autonomía  dese  xornal  do  que  foi  o caso  en  Touriño&Quintana. Ao  fin  e  ao  cabo,  tamén  él  pode  acabar  sendo  vítima…

    2 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 16 Abr 2009

    Habemus Presidente

      Núñez  Feijóo  xa  é  presidente. Con  él  o  PP  retorna  ao  poder  despois  de  só  catro  anos. É  certo,  no  entanto,  que  as  dúas  forzas  da  oposición  conservan  dúas  deputacións,  a  maioría  dos  concellos  e,  no  caso  do  PSdeG,  o  goberno  central. Non  están,  pois,   extenuados.

      Que  dentro  de  catro  anos  retomen  o  goberno  depende,  dunha  banda,  do  mal  que  o  faiga  o  PP. Cabe  que  o  Feijóoismo  sexa  unha  réplica  de  dereita  do  touriñismo  e  do  quintanismo:  que  goberne  con  só  unha  fracción do  seu  partido  e  que  o  segundo  nivel  da  Xunta  caiga  en  mans  de  xestores  non en  exceso  aplicados. A  día  de  hoxe,  no  entanto,  Feijóo  intenta  non  pecar  de  soberbio. Veremos  canto  lle  dura. O  traxe  de  Presidente  pode  crear  malformacións  do  ánimo.

       Tamén  cabe  que   PSdeG  e  BNG  faigan  ben  os  seus  propios  deberes:  que escollan  os  líderes  apropiados,  que  elaboren  un  discurso  no  que  se  poda  confíar   -iso  inclúe  unha  renovación  de  fondo  nos  rostros  dos  dous  partidos-  e,  sobre  todo, que,  en  especial  o  BNG  identifique  a  quen  quen  quere  chegar. Que  conserve,  en  especial,  a  vontade  de  ser  un  partido  maioritario  e  que  entenda  que,  se  non  penetra  no  electorado  urbán,  está  destinado  a  unha  progresiva  consunción. Finalmente,  están  obrigados  a,  máis  aló  das  diferenzas  e  os   inevitables  desencontros,  a  crear  unha  cultura  da  coalición  que  non  bote  todo  a  perder  a  próxima  vez. ¿ Será  posible?.

    2 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 10 Abr 2009

    o BNG e o idioma

        Sabemos, despois  do  paso  do  BNG  pola  Consellería  de  Cultura,  que  esa  organización  non  ten  nin  idea  -ningunha  idea  nova-  de  qué  facer  con  ela. 

       Os  nacionalistas  sempre  deron  por  descontado  que  existía  unha  relación  intrínseca  entre  eles  e  a  cultura  galega,  e  que  sobrarían  as  iniciativas  cando  chegasen  a  xestionala. Cando  sucedeu,  descubriuse  que  todo  era  fume. Non  só  Anxela  Bugallo  deu  mostras  de  non  saber  qué  facer:  en  toda  a  Consellería,  incluída  a  dirección  Xeral  de  Bará,  foi  posible  rexistrar  unha  incuria  total. Non  había  nada pensado. Nin  tan  siquera  en relación  á  Cidade  da  Cultura.  Como  se  a  longa  estadía  na  oposición  non  lles  dera ocasión  a  pensar  en  nada.

      Co  idioma  sucede  o  mesmo. Os  nacionalistas  dan  por  descontado  que  se  eles  gobernaran  cambiaría  a  sorte  do  galego. Pero,  no  entanto,  non  se  observa  que teñan  unha  idea  concreta  acerca  de  qué  facer. Fíano  todo  ás  leis. Pero  as  leis, aínda  que  podan  axudar,  non  modifican  a  corrente  de  fondo  dun  país. O  galego  non  vai  a  remontar  a  base  de  decretos,  iso  é  seguro. O  nacionalismo  tende  á  sobreactuación,  a  instalarse  na  grandilocuencia,  pero,  á hora  da  verdade,  non  da  mostras  de  saber  que  facer  nin  tan  siquera  co  que  segue  sendo un  elemento  central  entre  os  que  xustifican  a  súa  existencia.

    9 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame
  • 04 Abr 2009

    Pachi Vázquez: un erro

      Continúa  o  desconcerto  no  PSdeG  e  no  BNG. Noqueados,  ningún  dos  dous  sabe  qué  facer,  nin  que  dirección  tomar.

       O  PSdeG  parece  ter  máis  iniciativa,  pero  as  decisións  que  vai  tomando  constitúen  un  erro  total,  absoluto. O  seu  desnorte  é  supino. Que  o  seu  congreso  fose  convocado  para  o  25  de  Abril,  apenas  a  mes  e  pico  da  derrota  electoral,  dío  todo. Non  hai  a  mínima  vontade  de  construír  un  discurso,  de  chamar  á  colaboración  daqueles  que  poderían  aportar  ideas  para  a  elaboración  dun  programa  solvente,  de  repartir  xogo  incorporando  novas  voces:  todo  se  reduce,  unha  vez  máis,  a  quen  se  apresura  a  tomar  o  poder  dentro  da  organización.

      Pachi  Vázquez,  como  é  obvio,  é  o  candidato  do  aparato,  dos  baróns  -tal  vez  non  de  todos-  e  de  Pepe  Blanco. Aínda  que  Vázquez  aspire  a  lexitimarse  ante  as  bases  a  súa  elección  está  viciada  de  orixe. Ao  congreso  presentaraselle,  en  realidade,  unha  opción  precociñada,  coa  única  opción  a  discutir  os   complementos. De  renovación  de  ideas,  de  talante,  de  xeración  ou  de  algo,  nada  de  nada.

       O  PSdeG  está  abrindo  unha  fase  de  grande  perigo,  aínda  que  ninguén  pareza  darse  conta. A  frivolidade  é  total. Seguen sen  entender  que  os  electores  necesitan  candidatos  que  non  clonen  os  da  dereita. Doutra  xeración  e  estilo. E,  por  suposto,  cun  fondo  de  esquerda  eficaz  claro,  fiable.

       ( Dise  que    Blanco  ve  nel  quen  cubra  a  cadeira  mentres  os ciclos  políticos  en  España  se  suceden. Ao  parecer,  espera  ser  Ministro  de  Fomento  e  despois,  dependendo  do  horizonte,  aspiraría  a  presentarse  en  Galicia.

       Pero  esas  hipóteses  a  longo  prazo  son  estúpidas. Dende  logo,  o  PSOE  ten  un  horizonte  moi  complicado,  e  se  non  sabe  maniobrar  con  acerto  pode  entrar  en  barrena,  como  o  SPD,  o  PSF  e, por  suposto, o  infausto  PSI. Hai  elementos  de  fondo  electorais   -a  evolución  de  voto  en  Andalucía  e,  en  xeral,  en  todo  o  sur  de  España-,  atmosféricos   -a  forza  do  PP  en  Madrid  e  Valencia  vai  máis  aló  da  conxuntura  e  indica  o  éxito  da  dereitización-,  e  erros  de  horizonte  -custes  da  coalición  no  País  Vasco  e  o  presumible  retorno  de  CiU,  despois  da  incapacidade  de  chegar  a  un  acordo  de  lexislatura-  que,   sumados  á  dilapidación  do  que  Fermín  Bouza  chama  espazo  estratéxico  poden deparar  xa  non  a  perda  das  eleccións,  senón un  seísmo  de  graves  proporcións  no  PSOE  e,  en  xeral,  na  esquerda  española.

       O  certo  é  que  no  PSOE  existe  unha  certa  tendencia  á  supoñer  que  eles  son  un  partido  chamado  naturalmente  a  gobernar,  case  sen  facer  esforzo. É  unha  mentalidade  que  provén  dos  felices  anos oitenta,  das  maiorías  absolutas  de  Felipe  González. Pero ! ai¡  ese  é  un  tempo  que  xa  non  volverá. )

    3 Comentarios
    Compartir: delicious digg technorati yahoo meneame

Outros blogs na trincheira

Ciudadano en el ágora

David Giménez Glück

Los derechos de los menores

Reconozcámoslo: no sabemos qué hacer con los adolescentes. Nos parecen gente extraña, incomprensible, con problemas [...]

Diario de una feminista

Violeta Tristán

ORACIÓN POR EL DERECHO AL ABORTO

Si hay que rezar, con tal de que nos dejen en paz y respeten nuestras vidas, que algo valdrán también [...]

El voto con botas

Fermín Bouza

Otra vez la Desafección

Después de rozar mínimos (ver gráfico de abajo: pulsar) tras las elecciones de 2004, la Desafección, medida por el [...]

La trinchera digital

Manuel Rico

Una promesa sepultada

El Gobierno ha decidido archivar la Ley de Libertad Religiosa, que en teoría iba a ser uno de los proyectos estrella [...]

La zona gris

Félix de Mencía

Contra la religión

¿Consultaríamos con un chamán qué deben aprender nuestros hijos en la escuela? ¿Convocaríamos a una peña del [...]

Marcos y molduras

Luis Arroyo

Datos no; relatos sí. Políticas no; valores sí

No es puramente un discurso sobre el Estado de la Unión, como se ha dicho, sino más bien cubrir la formalidad de [...]

Sin frases hechas

Ana Noguera

El verano sólo fue un paréntesis

Finalicé el último artículo, recordando los dos “dolores de cabeza” a los que se enfrentaban los grandes [...]

Taberna y otros lugares

Arturo Burton

Las tortas de Pedro Jota

“Si mi hija Cósima se viste así para una recepción, vamos, es que le doy una torta”. Palabra de Pedro [...]

O café na trincheira

Antón Baamonde

Con Arcimboldo ven o verán..

      De  momento,  esta  fiestra  pecha.   Grazas  a  todos  os  que  entraron  no  Café na  [...]

El sedàs

Ferran Casas

CiU precipita la seva estratègia i perd la basa del finançament

Artur Mas va fer dimarts una roda de premsa important que podria marcar un abans i un després en les conseqüències [...]

Itsasertzetik

Guillermo Malaina

Ajuria Enean “piper” asko euskara gabe

Albiste hau aurkitu dut Berria egunkarian. Beherago, erdaraz, Semanal adizkariak argitaraturiko erantzun zuzena. [...]

Blog publicado con Wordpress

© Todos os dereitos reservados

Cabeceira: Guillermo Varela - Deseño: Daniel Solana - Programación: Rodrigo Díez Villamuera