Nas últimas semanas saíron á luz diversas enquisas pre-electorais. Todas coinciden no fundamental: a coalición que sustenta ao goberno bipartito incrementará o seu número de deputados en prexuízo do PP, pero nunha medida escasa, case pírrica. Se isto fose así, o que realmente estaría en xogo nas eleccións sería, por orde: a) a relación de forzas entre PSdeG e BNG; b ) a continuidade de Núñez Feijóo como candidato conservador; c) o futuro de Pérez Touriño e Anxo Quintana.
Todo dependerá, por suposto, dos resultados. Se O PSdeG sobe e o BNG simplemente se mantén ou baixa non cabe dúbida de que Anxo Quintana, a súa liña de acción e o seu entorno serán postos en cuestión. O mesmo é certo á inversa. Se o BNG sobe máis do esperado -un deputado- e o PSdeG se mantén estable ou baixa medrarán os críticos de Touriño. Nesa hipótese esta sería a última lexislatura para o actual presidente e, ademais, facendo o papel que nos USA se chama o do “parrulo coxo”: o de quen está politicamente amortizado. Por suposto, todo baixo este pano de fondo: un cambio na correlación de forzas implicaría un novo reparto do goberno coas tensións subsecuentes.
No terreo do PP unha lenta decadencia tal vez se aceptaría pero se os conservadores quedasen por baixo dos trinta e catro deputados a condición de líder de Núñez Feijóo quedaría en suspenso, aínda que previsiblemente á espera da Grande Batalla que se aveciña entre Rajoy e Aguirre. Naturalmente, todas estas hipóteses teñen como presuposto que se confirme a tendencia anunciada nas enquisas. Non pode deixar de sinalarse, con todo, que a existencia dun alto número de indecisos e de voto oculto, sumada á abstención dunha parte do electorado que sustenta ao bipartito, podería dar como resultado o retorno do PP. É improbable, pero non enteiramente imposible.

Subscríbete por e-mail!







