O sábado xuntámonos centos de persoas en Ourense para facerlle unha homenaxe cívica a Marcos Válcarcel. Foi un acto elusivo, no que xentes vidas de toda Galicia fixemos, en torno a el, unha comunión de alegría, de cordialidade e de amizade. Así é Marcos. Alguén que é capaz de congregar centos de amigos, moi diversos entre si, e de congregar tamén a felicidade, mesmo en tempos díficiles.
Moitos coñecemolo de hai moito. De mil batallas gañadas e perdidas. Dende que, cando era un adolescente, pasou a integrar Cristiáns para o Socialismo, Marcos estivo sempre alí onde o seu compromiso e a súa xenerosidade llo esixiron. Decía Don Ramón Otero Pedrayo que o que lle daba beleza moral a Galicia, máis importante aínda que as súas belezas naturais, é o carácter tolerante dos galegos. Se hai alguén que, dende o seu nacionalismo, aprendido dende cativo no contacto cos vellos galeguistas, máis practicou a cordialidade e a empatía con todos ese é o Marcos. El ven dun mundo no que non importaba o combate polo poder, senón a serenidade do que resiste.
O sábado 29 de Novembro o humorista O Carrabouxo publicaba unha viñeta nas páxinas de La Región na que se vía a cabeza do Marcos e una figura afirmaba “Ten unha grande cabeza” o que derivaba neste retruque: “É que lle colle todo Ourense dentro”. E é certo. O seu último libro sobre a ”Historia de Ourense” é só unha pequena manifestación do amor pola súa cidade, que o recompensa co seu cariño.
Marcos é, sen hipérbole algunha, o que queda do espírito da xeración Nós, que tanta gloria lle deu a Ourense. El bebeu en Otero -e tamén eu me declaro masón dese culto-, en López Cuevillas, en Risco e Losada Diéguez…Como moi ben dixo na cea dos afectos o profesor Xesús Alonso Montero, Marcos Válvarcel é ese tipo de sabios que cando unen á sabedoría a ponderación obrígannos a enseñorealos. Como Don Ramón Otero Pedrayo, Marcos merece ser Don Marcos Válcarcel. O sabádo en Ourense lle rendemos homenaxe ao intelectual, ao historiador, ao cidadán, ao home da elegancia moral, ao home tranquilo no que podemos confiar. Foi unha fermosa páxina escrita no Libro dos Amigos

Subscríbete por e-mail!






