Un artigo en El País, que son consciente que non gustará http://www.elpais.com/articulo/Galicia/PSOE/peligro/elpepuespgal/20100621elpgal_9/Tes
Intenta avisar de que o PSOE pode estar ás portas do período tal vez máis díficil para él dende o comezo da democracia.
En dous anos pode estar na oposición non só no goberno central, se as enquisas se confirman. Se así sucede será como resultado da combinación dun ciclo que ven de atrás e do efecto da crise, que lle deixa sen discurso.
Salvo, claro, o de ser preferible a unha dereita a quen lle marca o paso o neofranquismo de Intereconomía et altri, feramente españolista e cunha querencia pola “liberdade” no sentido anglosaxón que resulta perigosa para os que dependen do gasto social.
Non cabe dúbida de que o PSOE intentará prolongar a lexislatura ata o fin, se pode, na esperanza de recuperar unha parte do electorado.
O punto de inflexión será cando toque negociar os orzamentos do Estado, despois do verán e das eleccións catalanas. Se consigue socios sobrevivirá -fálase do PNV-. Se non, tera que convocalas á forza..
Non cabe dúbida de que electoralmente intentar chegar á fin da lexislatura pode beneficiar ao PSOE máis que facelo hoxe á vista do que dín as enquisas.
A dúbida é, no entanto, se a aplicación dun programa de axustes e recortes do magro Estado de Benestar que temos en España non privará a ese partido dun discurso que lle asegure o seu espazo estratéxico.
Ao final, do que se trata para os “mercados” é de pasar, pola brava, e obrigando aos parlamentos se é preciso, do capitalismo europeo ao modelo anglosaxón de capitalismo con menos protección social e maior desigualdade. Ese é o significado “histórico” do momento.
Pero levar adiante un programa socio-liberal -ao modo inglés- pode estreitar a lexitimidade futura do PSOE e o seu espazo electoral, e abrirlle ás portas á consolidación estratéxica do PP.
Existe o problema de que IU non parece poder captar ese voto e esa lexitimidade perdidas na esquerda. Tampouco, hoxe por hoxe, o BNG está aquí en posición de facelo.
No entanto, será un bo período para CiU, que intentará volver ao pujolismo. http://www.abc.es/20100620/espana/pujol-201006200539.html
O que CiU pensa é que, dado que non se pode vencer a España, hai que volver á “conllevancia” orteguiana, impoñendolle condicións no día a día, dende o goberno da Generalitat. Outras alternativas -o Estatut, unha iniciativa que non lle gustaba a Pujo por este motivo, a reforma da constitución, as consultas independentistas- corren o risco de darlle chance a España.
Tamén o PNV retornará ao poder en Euskadi. Iso pode depender da ruptura PP/PSOE, do avance propio ou da integración da esquerda abertzale que, parece, poderá presentarse nas autonómicas do 2013.
En Galicia, a combinación dun PP en Madrid e Feijóo en Galicia estremece. Unha nova xeira tipo Aznar 2 pode dar ao traste co idioma e con moitas máis cousas, con todo, en realidade.
Aquí a resposta é primitiva. A da UPG -consciente desta hipótese- é atrincheirarse no BNG ata que pase a tormenta. Unha estratexia puramente defensiva.
A grandes males, no entanto, grandes remedios. Outra posibilidade sería intentar facer movementos máis ambiciosos no ámbito dos dous partidos e no da esquerda e o nacionalismo social.
Algo máis novo e ambicioso que, dados os antecedentes, ten unha probabilidade de suceder mínima.